galego | español
texto grande
buscar

Noticias

Lingua

xoves, 28 de novembro de 2019
"Manu TF, Patricia de Lorenzo e Iria Fafián conducirán a Gala dos Premios Youtubeir@s, aos que aspiran 27 finalistas de entre os 252 participantes desta terceira edición"
foto
Foto da rolda de prensa

 

O Teatro Principal de Santiago acollerá ás 20.00 horas do venres 29 de novembro a gala de entrega dos galardóns. As entradas son gratuítas e pódense retirar no despacho de billetes do Teatro Principal no horario de 18.00 a 20.00 h.

 

Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña

 

O DJ grovense Manu TF, a actriz Patricia de Lorenzo e a graffiteira Iria Fafián animarán este venres, 29 de novembro ás 20.00 h no Teatro Principal de Santiago, a gala dos Premios Youtubeir@s, aos que aspiran un total de 27 finalistas (un deles do Grove, Siradella Films, nomeado en dúas categorías) entre os 252 vídeos e canles participantes que concorreron nesta terceira edición.

 

A actriz Patricia de Lorenzo encargarase de conducir a cerimonia, para a que se transformará en Isaura, a súa coñecida personaxe na peza teatral Fillas Bravas do Grupo Chévere, mentres que Manu TF se ocupará de poñer a música e Iria Fafián elaborará en directo un gran graffiti para celebrar o final desta terceira edición de Youtubeir@s, iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.

 

O leitmotiv desta gala xirará arredor da idea de construír unha comunidade cada vez máis ampla, diversa e consolidada de creadores e creadoras dixitais galegas, seguindo o lema desta convocatoria “Conéctate á comunidade e multiplícate”. O acervo creativo do Youtube demostra que a nosa lingua, así como a súa relación coas novas canles de comunicación, é un elemento vivo que está en constante construción, evolución e transformación. Explicárono así hoxe, nunha rolda de prensa no Concello de Santiago, Noa Díaz, concelleira de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas de Santiago, e Roberto Rielo, técnico de normalización lingüística do Concello de Teo e secretario do xurado.

 

Noa Díaz, na súa intervención, destacou a pegada social do proxecto Youtubeir@s e o seu importante labor no fomento e na extensión do galego, así como o pulo e visibilidade que lle está a outorgar á nosa lingua na rede social de vídeos máis grande do mercado global. Nesa mesma liña, Díaz puxo en valor a importante colaboración entre institucións que se dá neste proxecto, xa que están implicados na súa organización un total de doce concellos, as tres universidades e a Deputación da Coruña. Finalmente, a concelleira detallou algúns datos que amosan a consolidación do proxecto.

 

252 inscricións e canles e 6.500 € en premios

 

Nesta terceira convocatoria rexistráronse un total de 252 inscricións, entre vídeos e canles participantes, o cal se traduce en que en máis de 1.000 minutos creados en galego e incorporados ao de YouTube este último ano. Ademais, constátase un aumento na participación, que pasou das 202 inscricións de 2017, ano en que se celebraron os primeiros Premios Youtubeir@s, ás 252 desta edición, que aspiran a uns galardóns divididos en nove categorías e cunha dotación económica total de 6.500 euros.

 

Pola súa banda, Roberto Rielo, ademais de adiantar algúns detalles sobre a gala deste venres 29 de novembro, detallou os datos de inscricións por categorías. Deste xeito, sinalou que no apartado de vídeo-opinarmos se rexistraron un total de 129 vídeos participantes, mentres que á categoría vídeo-facermos aspiraron 89 vídeos, á de canles optaron un total de 32 e na nova categoría deste ano de vídeo-cantarmos competiron 30 vídeos. Cada unha destas catro categorías conta cun premio de 1.000 euros e as producións gañadoras serán determinadas polo xurado (integrado por Nel Vidal, Johana Paradelo, Tomás Lijó, Brais Nogueira e Inés Salvado), quen tamén decidirá os premios dotados con 500 euros á creatividade (categoría na que están nomeados os mecos Siradella Films), á eficiencia comunicativa, á calidade técnica (categoría na que tamén están nomeados Siradella Films) e á calidade lingüística. Por último, na gala darase a coñecer tamén o galardón á #propostayoutubeira, premio dotado con 500 que entrega o público do proxecto Youtubeir@s.

 

Rielo tamén amosou os datos desta terceira edición por franxas de idade. Neste senso, cómpre destacar que o 43 % dos vídeos participantes están asinados por persoas de entre 18 e 30 anos, mentres que un 33 % pertencen a autoras e autores de entre 30 e 50. Os maiores de 50 anos representan o 12 % da concorrencia mentres que os youtubeiros e youtubeiras menores de 18 significan o 10 % do total. Por municipios, os datos reflicten que San Sadurniño, con 41 vídeos participantes, A Coruña con 39, Santiago con 36 e Rianxo con 25 son os concellos que máis vídeos achegan, sendo a provincia da Coruña a que máis participación acapara ao contar cun total de 198 inscricións neste 2019.

 

Ao acto acudirán en representación do Concello do Grove o alcalde, Jose Cacabelos, quen será un dos encargados de entregar o premio á categoría vídeo-cantarmos, e o técnico municipal de normalización lingüística, Arximiro Fernández Cabanelas.

 

FINALISTAS POR CATEGORÍAS

 

Categoría de vídeo-facermos:

A palabra máis fermosa do galego (pesadelo antes do 17 de maio) - Aquele

O mellor arroz con leite (de Cunqueiro) – A lobeira today

O radon: malos modais para un gas nobre – Aarón Vilariño

 

Categoría de vídeo-opinarmos:

O discurso heteropatriarcal – Olaxonmario

As entrañas do Luar (con Laura Cruxeiras) - Aquel-e

Como se foma un cantil. O exemplo de Santa Mariña de Augas Santas

(Praia das Catedrais) - Xacobo de Toro Cacharrón

 

Categoría de vídeo-cantarmos:

O queimaserebros - Blanca e Tinta.

Os novos-Quero Fugir -Aaron Vilariño

Rosalía ft. Rosalía Malaxente (MJ COVER) - MJ Pérez

 

Categoría de canle:

Olaxonmario

Aquel-e

Xacobo de Toro Cacharrón

 

Categoría de creatividade:

Canle: Cativos na Cociña – Siradella Films

O Xardineiro dos ingleses | Booktriler - Aarón Vilariño.

Como calcular o tamaño da Terra – Aarón Vilariño

 

Categoría de eficiencia comunicativa:

A nosa historia de superación – Familia Vázquez TV

Halitose ou mal hálito – Clínica Médico Dental Padiñas

Rosalía ft. Rosalía Malaxente (MJ COVER) - MJ Pérez.

 

Categoría de calidade técnica:

Que nos pille rebolando – Aquel-e

Canle: Cativos na Cociña – Siradella Films

Os novos-Quero Fugir – Aarón Vilariño

 

Categoría de calidade lingüística:

A morte – Memorias da Pontragha

21 días improvisando – A Rabela

OrientaConsello-14.O posto de ordenanza – Down Galicia

 

Categoría de proposta youtubeira:

Flow do Toxo -Flow do toxo

A substitución lingüística – Olaxonmario

Cousas que non me gustan de Youtube - A Lobeira Today

 
Galería:
 
Webcam en Directo

axenda

noticias

perfil do
contratante

portal de
turismo

boletín ADL

Apúntate ao noso boletín

boletín OMIX

Apúntate ao noso boletín

avisos sms

síguenos en
logotipo consellería innovación e industria logotipo Ministerio Industria, turismo y comercio logotipo FEDER

2009. Concello do Grove, Praza do Corgo nº 1 | T. 986 73 09 75 | F. 986 73 13 58
aviso legal | créditos | rss
páxina accesible AA rss