galego | español
texto grande
buscar

Noticias

Economía e Facenda

martes, 20 de outubro de 2020
"O CONCELLO DO GROVE COMEZA HOXE O PROCEDEMENTO DE APROBACIÓN DOS ORZAMENTOS MUNICIPAIS DE 2020"
foto

 

O atraso derivado da corentena supón a aprobación tardía dun proxecto de orzamentos que mantén cifras finais semellantes ás de 2019.

 

O Concello do Grove levará hoxe á Comisión de Contas a proposta de orzamentos municipais que deberá ser debatida no Pleno ordinario do vindeiro luns 26 de outubro. Trátase dun proceso que se acomete con meses de atraso como consecuencia da paralización de procedementos durante o Estado de Alarma e a urxencia de actuacións na desescalada. Ademais diso, estes orzamentos deben enfrontarse ao duro golpe que supón a asunción municipal da EDAR, cos seus recursos humanos e gastos de mantemento, o que implica ter que reducir gastos noutras partidas. Deste xeito, estes orzamentos poden clasificarse como prudentes, xa que se prevé un decaemento da recadación como consecuencia da crise actual que estamos vivindo.

 

O traballo levado a cabo polo equipo de goberno e o persoal técnico do Concello permite chegar a un proxecto de orzamento de 10.361.741 euros de gastos, un 2,35% menos que o orzamento de 2019 (10.605.165 euros). No que se refire ás distintas partidas, o maior aforro conseguiuse nos gastos financeiros, nos que se atende a gastos de préstamos e operacións bancarias, que se reducen nun 29,30% e pasan de máis de 63.000 euros a menos de 49.000 euros. Como vén sendo habitual, as partidas máis cuantiosas son as de persoal (4,5 millóns) e de gastos correntes (4,2 millóns).

 

Os gastos de persoal aumentaron o 0,36% ao incluírse os incremento das retribucións dos empregados públicos marcado polo Estado, o relativo ao acordo asinado cos sindicatos no mes de xullo e o aumento salarial da Policía Local que se viña reclamando dende anos atrás. No capítulo de gastos correntes contemplouse o incremento de gastos xerado pola nova planta depuradora, que foi “compensado” pola redución de gastos pola non celebración da Festa do Marisco durante este ano. As transferencias correntes, relativas a lles facer fronte a compromisos adquiridos con outras entidades, como a Mancomunidade do Salnés (que é a que recibe a meirande parte de fondos deste capítulo) tamén se reduciu nun 11,55% e queda en 655.855 euros. Nesa partida tamén están incluídas as subvencións a entidades deportivas e culturais, introducindo como novidade axudas ao comercio local co obxectivo de reactivar o sector, na medida do posible.

 

Fronte á proposta de gastos, no relativo a ingresos estímase unha redución na recadación dos impostos directos (imposto de bens inmobles, imposto de actividades económicas e imposto de vehículos) cunha minoración do 3,95%. O dato positivo está nos impostos indirectos (imposto de construcións, instalacións e obras), xa que o que xa foi recadado ao longo de ano permite estimar que se incremente un 43,32% o ingresado por esta vía. Tamén se reducen nun 6,82% as previsións de recadación por taxas e prezos públicos, sobre todo tendo en conta a ausencia da Festa do Marisco, que realizaba unha importante achega a esta partida que se estima en pouco máis de tres millóns de euros. Finalmente, os ingresos procedentes do Estado (transferencias correntes) está previsto que incremente no 1,52%.

 

Ademais de todo isto, non está prevista ningunha operación crediticia para financiar investimentos, xa que se ten traballado para conseguir financiamento público destes. O Concello do Grove incide na prudencia da proposta e na necesidade de priorizar as necesidades máis urxentes derivadas da crise sanitaria que se está vivindo, inda que dentro das competencias municipais. Malia que os orzamentos sexan aprobados a estas alturas do ano, supoñen a aclaración do modelo de xestión deseñado polo equipo de goberno e permiten manter a boa saúde económica do municipio grazas á dinámica posta en marcha nos pasados anos e que se sustenta no aforro, pero tamén no investimento sustentado en subvencións e colaboración con outros organismos. Logo da presentación na Comisión que terá lugar esta tarde, o orzamento será levado ao Pleno para súa aprobación e publicación.

 
Galería:
 
Webcam en Directo

axenda

calendario
mes anterior novembro | 20 mes próximo
LMMXVSD
1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
30

noticias

Rede de
bibliotecas

perfil do
contratante

portal de
turismo

boletín ADL

Apúntate ao noso boletín

boletín OMIX

Apúntate ao noso boletín

avisos sms

síguenos en
logotipo consellería innovación e industria logotipo Ministerio Industria, turismo y comercio logotipo FEDER

2020. Concello do Grove, Praza do Corgo nº 1 | T. 986 73 09 75 | F. 986 73 13 58
aviso legal | créditos | rss
páxina accesible AA rss