O CIM pon en marcha obradoiros dirixidos a mulleres
Fecha: 2015-09-07
Un obradoiro de autoestima, outro de igualdade de oportunidades e de estimulación cognitiva marcan o comezo da actividade do outono que pon en marcha o Centro de Información á Muller do Concello do Grove.
O martes 22 de setembro impartirase no edificio de usos múltiples (Casa Azul) un Obradoiro de Autoestima organizado polo Centro de Información á Muller (CIM) do Concello do Grove en colaboración con Avante. Este obradoiro está dirixido a mulleres a partir dos 18 anos e terá lugar en horario de 17.00 a 18.30 horas. Para participar tan só é necesario inscribirse no CIM (segundo andar do edificio administrativo).
Trátase da primeira dunha serie de actividades que o CIM do Concello do Grove está poñendo en marcha e que terán lugar nas vindeiras semanas. Así, entre o 9 e o 30 de setembro vaise desenvolver un Módulo de Igualdade de Oportunidades e o 14 de outubro será outro obradoiro, nesta ocasión de estimulación cognitiva. Deste xeito incídese na formación das mulleres do concello, traballando aspectos fundamentais para loita contar a desigualdade de xénero ou para a mellora dos seus recursos emocionais e cognitivos.
Igualdade en marcha
Ademais destas actividades xa programadas, o Concello está a traballar con máis iniciativas, para o cal serán convocados proximamente o Consello Local de Igualdade e a Mesa da Violencia de Xénero. Estase facendo tamén especial fincapé na organización de actividades nos centros educativos, cos que se están mantendo reunións de cara á posta en marcha de actividades a prol da igualdade.