A Praza de Arriba acollerá este sábado a Festa de Samaín
Fecha: 2015-10-28
A actividade está organizada polo Concello do Grove en colaboración con distintos colectivos sociais.
Co obxectivo de recuperar a tradición do tallado de caveiras nas cortizas das cabazas e buscando un coñecemento etnográfico da Festa de Samaín, o Concello do Grove organiza diversas actividades durante todo o sábado 31 na Praza de Arriba. A Festa do Samaín contribúe ao recoñecemento da orixe e o pasado común con Europa a través da cultura celta, polo que manter e coñecer os xogos tradicionais e o patrimonio etnográfico a través desta celebración supón tamén manter as raíces da cultura tradicional galega.
A partir das 11.30 e ata as 13.30 horas e, posteriormente, de 17.00 a 21.00 horas a rapazada poderá participar en distintas actividades lúdicas, como de globoflexia, maquillaxe, contacontos e actuacións musicais. Ademais, durante a mañá desenvolverase un obradoiro de decoración de cabazas e, posteriormente, poderán participar en concursos para premiar a mellor executada, ademais de competir polo mellor disfrace. Durante todo o día terán á súa disposición os xogos populares e as ANPA dos distintos centros educativos poñerán á venda distintos produtos para recadar fondos para as súas actividades.
O día rematará cun desfile de meigas e pantasmas cun percorrido que irá desde a Praza de Arriba ás rúas Jaime Solá, Pratería, Luís Seoane, Luís Casais, Castelao, Rúa da Praza e Pablo Iglesias, con regreso á Praza de Arriba, onde se realizará unha queimada.
Agárdase que toda esta festa contribúa a fomentar o gusto e a afección polas actividades culturais e lle amose á xente máis nova outra forma de se entreter no tempo de ocio.
Teatro
Ao finalizar as actividades para os máis cativos, ás 21.00 horas, o grupo de teatro Enxebre representará a obra Tress na carpa institucional da Festa do Marisco, situada na praza do Corgo. Trátase dunha comedia que se ofrecerá, con entrada de balde, no marco do Certame de Teatro Enxebre organizado co patrocinio de Fegatea e dentro do ciclo de Teatro Amador.