O Concello asume a reparación de toda a fachada do edificio de mestres de Rosalía de Castro
Fecha: 2015-11-06
As obras comezaron hoxe venres e rematarán nun par de semanas, cando se permitirá abrir de novo o patio interior que se atopaba pechado.
O Concello de Grove estudou polo miúdo todas as opcións de cara a buscar unha solución ao grave problema xurdido polo mal estado no que se atopa o denominado "edificio dos mestres” vencellado ao colexio Rosalía de Castro. Finalmente decidiuse acometer, con cargo aos orzamentos municipais, unha reparación de urxencia de toda a fachada do inmoble, tanto na fachada exterior que dá á rúa Conchases, como na interiorn que dá ao patio do colexio.
Esta obra non supón solucionar o problema de habitabilidade que ten o edificio, e que seguirá con graves deficiencias no seu interior, pero permitirá que a estrutura exterior conte coa maior seguridade posible e, polo tanto, que non se produzan desprendementos. Deste xeito, poderase retomar a actividade no patio exterior.
A partir desta medida tan necesaria, o Concello reiterará a solicitude de reunión coa Consellería de Educación para estudar a posible cesión deste inmoble e as condicións en que esta podería producirse.