Os orzamentos da Deputación outorgan por fin ao Grove unha dotación baseada en criterios obxectivos e equitativos
Fecha: 2015-11-21
Para o ano 2016 destínanse ao Grove máis de 720.000 euros, o que supón un incremento de máis do 28% con respecto ao percibido en 2015.
A presidenta da Deputación de Pontevedra vén de informar ao Concello do Grove dos criterios para a designación de recursos nos orzamentos provinciais dentro do denominado Plan de Concellos 2016. Deste xeito, e segundo se constata desde este organismo, o criterio de reparto susténtase en que o 40% é unha contía similar para todos os concellos e o 60% restante determínase en función de criterios obxectivos: poboación, núcleos, superficie...
Debemos ter en conta que os fondos totais de reparto dispoñibles vense incrementados grazas á eliminación dos fondos de libre disposición que se manexaban desde a Presidencia da Deputación de Pontevedra e que supuñan o 20% dos orzamentos totais do ente.
A suma destes dous elementos (aplicación de criterios obxectivos e eliminación de fondos de libre disposición) supón que ao Grove lle correspondan 721.204,25 euros, o que implica un notable incremento fronte aos 559.745,15 euros do ano 2015. Segundo as indicacións da Deputación, estes fondos deberán ser destinados prioritariamente a catro liñas: investimentos, amortización e pagamento de débeda (só ata o 15%), actividades municipais (só o 3,75%) e para a conservación e funcionamento de bens e servizos (22,5%).
A esta positiva modificación do funcionamento dos orzamentos engádense novas consideracións no relativo ás subvencións e ao Plan de Emprego. Deste xeito, as subvencións culturais, sociais, deportivas, turísticas e de calquera outra índole que a Deputación lles conceda aos diferentes colectivos da provincia outorgaranse por sistema de concorrencia pública na súa totalidade, o que supón a desaparición de subvencións nominativas (libre designación). Ao mesmo tempo, indícase que se flexibiliza o plan de emprego no relativo aos períodos de contratación. Ata agora os contratos concentrábanse nunha época do ano determinada, o que supuña grandes inconvenientes para concellos que, como o Grove, tiñan características especiais por mor da actividade turística de verán. A partir de agora os Concellos determinarán as datas e períodos deses contratos e poderán atender as necesidades reais neste eido.
Desde o Concello do Grove faise unha valoración moi positiva destes cambios, non só polo incremento que poida supoñer, senón pola seguridade que presenta para a xestión municipal coñecer de antemán os criterios que se aplican á hora de realizar o reparto dos recursos públicos entre os distintos concellos.