Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Pleno debaterá unha moción da Plataforma en Defensa da Ría contra a Lei de acuicultura

Fecha: 2016-01-20

Os representantes desta plataforma expuxéronlles o texto aos membros da Comisión Informativa do Concello.

 

A Comisión Informativa que tivo lugar onte ás 20.00 horas atendeu a solicitude da Plataforma en Defensa da Ría para que a corporación local eleve ao Pleno a moción contra a Lei de acuicultura que a Xunta de Galicia está tramitando. Membros desa plataforma interviñeron na comisión para expoñer os motivos que levan aos colectivos que representan a rexeitar esta proposta.

 

Na sala de xuntas estiveron presentes representantes da Confraría de Cambados, A Illa e O Grove, ademais de membros do Consello Regulador do Mexillón. Tal e como teñen feito noutros concellos, solicitaron que o apoio sexa claro e se evite o debate partidario sobre este asunto. Deste xeito, os dous partidos que presentaron a moción referida, BNG e Esquerda Unida, estiveron de acordo en que esta sexa presentada no Pleno como unha moción da corporación local.

 

A moción, segundo o texto da plataforma, foi incorporada á orde do día do Pleno que terá lugar o vindeiro luns 25 de xaneiro ás 20.00 horas. Trátase do primeiro punto e a defensa do texto será realizada por un membro da plataforma. Posteriormente realizarase o debate para a súa aprobación.

 

Risco para a economía local

 

Os argumentos dos representantes da plataforma para rexeitar a proposta de lei susténtanse nas posibles consecuencias desta no sector económico máis importante do Grove. A aplicación desta norma podería supoñer un duro revés á pesca artesanal e suporía poñer en risco un dos poucos sectores da economía que mantivo os postos de traballo durante a crise. Trátase de conservar o propio e de manter a boa imaxe dos produtos do mar galegos, onde a calidade debe estar por riba da cantidade.

 

Os representantes do sector pesqueiro e marisqueiro recoñecen que aínda se poden facer melloras no actual sistema de explotación, especialmente no relativo ao coidado dos recursos e do medio ambiente, pero coinciden en que esta non é a vía. O contido da lei (especialmente no artigo 31.1) supón que se pon en man das grandes corporacións as posibilidades de explotación dos recursos, o que deixa claro que se trata dunha proposta non adaptable ás peculiaridades de Galicia.