O Concello iniciou os traballos para a elaboración do Orzamento de 2016
Fecha: 2016-01-25
As perspectivas iniciais marcan un dispoñible inferior ao dos anos anteriores.
Durante as vindeiras semanas o Grupo de Goberno dirixirá parte importante dos seus esforzos á concreción do orzamento municipal de 2016. Os ditos orzamentos serán, logo de varios anos de aprobación unilateral, negociados cos grupos da oposición, que xa dispoñen dun primeiro borrador de carácter técnico.
O proceso de elaboración deste documento parte, polo tanto, de información técnica derivada da propia Lei de estabilidade orzamentaria e da imposición dun “teito de gasto” ás entidades municipais. Esa primeira información técnica dou lugar a un borrador inicial no que se apunta unha lixeira redución xa que na parte dos ingresos non se agardan incrementos pero si descensos, como relativo a recadación de multas.
No relativo ao capítulo de gastos deben terse en conta que o Concello se atopa pendente da resolución xudicial relativa ao Grumir, que obrigaría a realizar unha contratación dos traballadores e que suporía un gasto anual de 250.000 euros que, a día de hoxe, non están previstos, xa que a contratación temporal deste persoal se realizaba mediante unha subvención por un período de seis meses.
A pesar das referidas limitacións, o Goberno municipal agarda poder chegar a un orzamento que se adecúe á realidade e ás necesidades do Grove e poder levar ao Pleno o documento no primeiro trimestre deste ano.