Vellos Tempos prepara o Entroido reciclando
Fecha: 2016-01-26
As monitoras de Vellos Tempos axudan a usuarias e usuarios os a confeccionaren os seus disfraces reciclados.
As lonas publicitarias do Concello do Grove terán un fin máis lúdico este mes de xaneiro. Os materiais desbotados que se almacenaban no Concello serán reempregados polas monitoras e usuarios de Vellos Tempos confeccionando disfraces que teñen nese material o seu elemento principal. Trátase de lonas plastificadas impresas que habitualmente son empregadas en sistemas publicitarios móbiles ou pendurados na fachada da Casa do Concello e que, logo de rematadas as actividades para as que son realizadas, teñen unha complexa reciclaxe ao se trataren n materiais téxtiles con alto compoñente químico.
A actividade de Vellos Tempos permite deste xeito darlles unha mellor vida a estes elementos. Tanto é así, que o material recollido será obxecto, non só de elaboración de disfraces, senón que nas vindeiras semanas permitirá realizar un obradoiro de confección de bolsos. Mentres, as monitoras de Vellos Tempos gardan o segredo sobre o motivo dos disfraces que as o os maiores lucirán nas vindeiras datas de Entroido.