O Concello premiará o grupo de choradeiras máis numeroso que participe no Enterro da Sardiña
Fecha: 2016-02-05
O premio consistirá en 100 euros e os grupos poden estar formados por persoas de todas as idades.
Entre os cambios realizados á programación do Entroido deste ano, propúxose unha modificación no relativo ao tradicional Enterro da Sardiña. Este ano a capela ardente estará instalada na Carpa do Entroido da praza do Corgo e haberá tamén enterro “infantil” coa participación daqueles cativos que queiran incinerar as súas xoubiñas.
Durante a tarde do venres 12 estará instalada a capela ardente, á que poderán achegarse os veciños e as veciñas que queiran despedir a sardiña. Este ano convócase un concurso para premiar o grupo de choradeiras máis numeroso que se achegue a acompañar a defunta. Deste xeito, e segundo as bases que se achegan, tan só será preciso vestir de rigoroso loito, pero con algún elemento identificativo como grupo. Os participantes poderán ser de todas as idades e terán que realizar unha inscrición previa para, posteriormente, acompañar o séquito ata a súa incineración. O grupo máis numeroso recibirá un premio de 100 euros.
Bases do Concurso de Choradeiras 2016>