O Concello do Grove pon en marcha un obradoiro vivencial para mulleres
Fecha: 2016-02-17
O obradoiro ten como obxectivo facilitar o desenvolvemento persoal e a saúde emocional das mulleres.
Dentro das actividades do Centro de Información á Muller do Concello do Grove ponse en marcha un obradoiro dedicado ao crecemento persoal que busca a saúde emocional das asistentes. Trátase dunhas xornadas denominadas “Obradoiro vivencial nas redes do coidado e do bo trato” e que están dirixidas a mulleres de todas as idades. As sesións, de tres horas de duración, desenvolveranse os martes e xoves desde o 23 de febreiro ata ao 29 de marzo, facendo un total de 30 horas nas que se aplicará unha metodoloxía fundamentalmente dinámica e participativa, partindo das propias experiencias vitais das persoas participantes para facilitar un proceso de aprendizaxe común.
A metodoloxía vivencial aplicada neste obradoiro permite suscitar a reflexión colectiva sobre as experiencias do propio día a día, facilitando unha aprendizaxe transformadora que busca o cambio persoal e a incorporación de actitudes, crenzas, hábitos e condutas favorecedoras da autoestima e do benestar na vida cotiá das persoas participantes. Trátase, polo tanto, dunha proposta que contribúe ao fortalecemento da autoestima e á cohesión grupal das mulleres, cuestións ambas que resultan cruciais para lles facer fronte ás relacións de poder de xénero e ás súas violencias machistas que lle afectan á saúde das mulleres.
Para inscribirse no obradoiro tan só é preciso remitir un correo electrónico a dinamizacim@gmail.com ou solicitalo no CIM do Concello.