‘Porto Meloxo’, de Eduardo Baamonde, obra gañadora do III Concurso Ernesto Goday de pintura do Concello do Grove
Fecha: 2016-03-03
A entrega do premio terá lugar o mañá venres ás 19.30 horas na Sala das Cunchas.
O cadro de Eduardo Baamonde titulado “Porto Meloxo” foi elixido gañador do III Concurso Ernesto Goday de pintura. Os membros do xurado, reunidos na mañá de onte, destacaron a alta calidade dos participantes e quixeron, ademais, engadir tres mencións especiais que acompañarán o primeiro premio. Trátase das obras “Praza de Arriba”, de Carlos Álvarez Besada, “Mariscando”, de Manuel Carballeira, e “Porto do Grove”, de José Miguel Besada.
Todas as obras participantes estiveron expostas na Sala de Cunchas e Sala das Dornas da Casa do Concello desde hai máis dun mes. Os membros do xurado puideron así ver todas e cada unha delas con detalle antes de emitir o seu ditame. A entrega do premio e das mencións especiais terá lugar o vindeiro venres, 4 de marzo, precisamente na Sala das Cunchas.
O certame deste ano sufriu certo atraso con respecto ás edicións anteriores, debido á ampla actividade cultural do concello, o que dificultou poder realizar a montaxe e a presentación da mostra das obras participantes. Confírmase que para o ano 2016 vai ter lugar a IV edición deste premio, que homenaxea un dos artistas fundamentais da historia da Grove, aínda que se van revisar as bases para establecer uns prazos concretos para a exposición e para o posterior ditame do xurado.
Imaxe da obra gañadora: "Porto Meloxo", de Eduardo Bahamonde