Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello clausura mañá os obradoiros de lectura e as actividades de coñecemento da biblioteca

Fecha: 2016-05-26

Este venres, a partir das 17.30 horas, terá lugar na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey o acto de clausura do “Taller de lectura para maiores” e da actividade extraescolar “Coñecendo e gozando da biblioteca”. Deste xeito terá lugar un evento interxeracional no que estará presente o alumnado de ambas as actividades.

 

Trátase de dúas iniciativas que se desenvolveron na Biblioteca Municipal do Grove desde novembro de 2015 a maio deste mesmo ano e que chegan ao seu fin coa graduación das 12 mulleres e os 42 nenos e nenas que participaron nelas. O venres recibirán o seu diploma acreditativo, ademais de contar cunha pequena festa de celebración.

 

A partir das 17.30 horas representarase un contacontos teatral a cargo de Teatro Calavera. Esta representación narra a historia do cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa, que buscan gañar o premio do Máster Comellón. Ao rematar a representación, o público asistente poderá cociñar cos personaxes do conto a receita galardoada: “espetada de froitas recuberta de chocolate Fondise”. Logo diso comezará o acto de entrega de diplomas e as fotos conmemorativas do paso das alumnas e alumnos pola biblioteca municipal.