Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A banda Migallas presenta mañá o seu novo disco no Grove grazas ao patrocinio da Deputación de Pontevedra

Fecha: 2016-06-10

A banda pontevedresa incluída na compañía teatral do mesmo nome, Migallas, achegase mañá á noite ao Grove para ofrecer un concerto de máis dunha hora cos temas do seu novo disco Zaragallada. Trátase do terceiro traballo desta agrupación logo do seu primeiro disco ¡Canta connosco! e do segundo Pan de millo. Os dous primeiro estaban dedicados ao público infantil, pero con Zaragallada tenta captar a mocidade e os adultos. 

 

Zaragallada fai referencia ao recheo da empanada e xogando con esta idea “enchen” o disco con 13 temas de ritmos e contidos moi variados: pop, rock, ska, algúns pasodobres ou tangos, rumbas, valses, pandeirada e incluso unha nana. Parte das cancións incluídas naceron do espectáculo de humor O cantante e as mulleres do grupo teatral e moitas das letras tratan cuestións de tipo social aderezadas con moita retranca.

 

A banda está composta por Carlos Yus (voz e guitarra), Davide González (acordeón, saxofón, teclados e coros), Mirian Cortizo (batería e coros), Ismael Orge (teclados e trombón de varas), Bastián Rodríguez (baixo) e Bea Campos (percusión e coros). O autor das letras e das músicas e Carlos Yus e a produción musical corre a cargo de Segundo Grandío. 

 

Trátase, polo tanto, dunha grande oportunidade para gozar deste grupo galego mañá sábado, a partir das 21.00 horas, de balde na Praza do Corgo.