Programas ‘Depotermal 2016’
Fecha: 2016-06-14

A Deputacion de Pontevedra, en colaboración con Concello do Grove, pon en marcha ‘Depotermal 2016’, dous programas termais que consisten en:
1. Programa termal de asistencia diaria a balnearios durante cinco mañás ou tardes consecutivas
Estancia de cinco días consecutivos (de luns a venres), en quenda de mañá ou tarde, utilizando durante un mínimo de dúas horas as instalacións dun balneario, talaso, spa ou outras instalacións de características similares, da provincia de Pontevedra, incluíndo os traslados en autocar con guía acompañante, desde os concellos de orixe ata o establecemento escollido e viceversa.
As persoas beneficiarias do programa poderán elixir indistintamente, no momento da solicitude, o establecemento que máis lles satisfaga entre os ofertados pola empresa adxudicataria, entendendo que a asignación de prazas neste establecemento estará suxeita á dispoñibilidade.
2. Programa termal de pernoctación en réxime de pensión completa de domingo a venres
Programa termal de pernoctación en réxime de pensión completa: caracterízase por ofrecer unha estancia de seis días e cinco noites nun hotel con balneario, talaso, spa ou outras instalacións de características similares da provincia de Pontevedra, en réxime de pensión completa e con actividades de animación sociocultural.
O paquete inclúe, ademais da estadía e a pensión completa (coas bebidas incluídas), a utilización do spa, balneario ou outras instalacións de características similares un mínimo de dúas horas ao día e os traslados en autobús desde os concellos de orixe ata o establecemento escollido e viceversa.
A entrada no hotel será os domingos pola tarde e a saída será os venres despois do xantar.
As persoas beneficiarias do programa poderán elixir indistintamente, no momento da solicitude, o establecemento que máis lles satisfaga entre os ofertados pola empresa adxudicataria, entendendo que a asignación de prazas neste establecemento estará suxeita á dispoñibilidade.
Requisitos que deben cumprir as persoas beneficiarias:
- Seren nadas antes de 1966.
- Seren persionistas, para o que deberán achegar unha fotocopia do certificado correspondente.
Mais información: Servizos Sociais Comunitarios e www.depo.es
Prazo de presentación de solicitudes: do 14 de xuño ao 13 de xullo