O Concello do Grove formará parte da Rede Española de Municipio de Acollida de Refuxiados
Fecha: 2016-06-14
O Grupo de Goberno levará ao pleno do mes de xuño a solicitude de adhesión a Rede Española de Municipios de Acollida de Refuxiados. Esta rede foi creada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) o pasado 31 de maio coa finalidade de “impulsar unha intervención organizada dende as institucións máis próximas aos cidadáns e cidadás”. Deste xeito, a adhesión a esta rede supón que desde o Concello do Grove se lles facilitarán as condicións necesarias para unha vida digna aos refuxiados e ás súas familias máis alá da primeira emerxencia de acollida, traballando para tentar garantir a súa integración.
Para axudar neste traballo, a propia FEMP está elaborando un “Protocolo Municipal de Acollida e Integración de refuxiados” que recollerá a experiencia municipal existente nesta materia e as liñas de actuación acordes coas necesidades de integración dos refuxiados coa comunidade local. Lembramos, ademais, que desde o Concello do Grove xa se tiña elaborado un plan de carácter local para lle facer fronte a esta cuestión.
O Grupo de Goberno remitiralles o antes posible esta iniciativa de incorporación aos grupos políticos da corporación para aprobar a adhesión no Pleno do 27 de xuño.