O Concello do Grove informa sobre as obras de rehabilitación da escola infantil de Rons
Fecha: 2016-06-15
Logo de que se completaran os trámites administrativos para poñer en marcha as obras de reforma da escola infantil de Rons, onte á tarde tivo lugar unha reunión convocada polo Concello do Grove para informar aos pais e nais dos cativos deste centro sobre as obras previstas. Nesa reunión estivo presente, ademais do alcalde e a concelleira de Educación, o xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, entidade responsable das obras por parte da Xunta de Galicia.
As explicacións correron a cargo tanto do xente do Consorcio como do enxeñeiro e do director técnico de seguridade das obras. Deste xeito, informouse a pais e nais e os docentes do centro de que as obras comezarán o vindeiro 27 de xuño. A realización farase a partir desa data por fases. A primeira fase centrarase na zona de administración e comedores, polo que non afectará ao desenvolvemento das clases. O peche do mes de agosto permitirá acometer as obras de maior volume, o cambio da cuberta e a creación dunha aula adicional, ademais do acristalamento da fachada do xardín.
A partir de setembro, co comezo das clases, iniciaranse as fases que permiten actuar aula por aula de forma estanca, o que permitirá compatibilizar o desenvolvemento das obras coa docencia. O límite máximo de execución das obras está datado no 27 de decembro de 2016. O seu resultado agárdase que sexa unha escola infantil máis diáfana, contando con aulas conectadas e cun corredor que permitirá que os pais poidan observar os seus cativos durante as actividades. Este factor, xunto co cambio do valado exterior e o acristalamento da zona axardinada, permitirán integrar o espazo coa contorna e facer un uso máis visual deste ámbito. Toda a obra se caracteriza por unha grande accesibilidade e adaptación aos cativos. O máis importante é a eliminación da humidade e contar con chan radiante en todo o edificio.