Hoxe comeza a primeira edición de Cantos de Taberna
Fecha: 2016-06-17
Todo está disposto para que hoxe, a partir das 20.00 horas, comece a primeira edición dos Cantos de Taberna do Grove. Finalmente foron quince os locais participantes nesta iniciativa, o que supón un bo número, sobre todo se temos en conta que se trata da primeira edición. Menos numerosos son os grupos, que nesta ocasión quedaron en catro, pero con total disposición para facer que os bares do Grove soen como deben soar as boas tabernas.
Dos catro grupos, dous son do Grove, Os Firrás, cunha longa traxectoria nos cantos de taberna, e @ de viño, que sae por primeira vez aos bares nesta ocasión e que promete facer festa alá onde vaia. Acompáñanos Xoldra, de Pontevedra, e Retesías, de Portonovo. Todos eles ofreceran un repertorio variado de cancións tradicionais de taberna. Os horarios poden consultarse nos trípticos que están dispoñibles nos locais participantes, na web municipal e no Facebook de Primavera O Grove.