Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove crea a Bolsa de Emprego Municipal

Fecha: 2016-06-20

Logo de ter consensuado o seu contido cos grupos da oposición, o Goberno local do Grove acaba de crear unha bolsa de emprego que pretende dar resposta  a algún dos problemas de contratación que se producen no relativo a postos laborais temporais do Concello. Deste xeito, partindo de que o Concello está asumindo progresivamente competencias que implican unha maior complexidade no seu desenvolvemento e buscando crear criterios que permitan seleccionar o persoal laboral de carácter temporal dun xeito xusto e equitativo entre todo a veciñanza, deseñouse un procedemento polo que en todo momento se coñecerán os requisitos, méritos e coñecementos esixidos polo Concello do Grove para ocupar os postos de traballo que sexan necesarios.

 

A Bolsa de Emprego permitirá cubrir as necesidades do servizo por incremento temporal e excepcional da carga de traballo —coa finalidade de garantir o seu adecuado funcionamento— as incapacidades temporais ou baixas por enfermidade do persoal ao servizo do Concello e os permisos de maternidade ou paternidade. Ata agora estas situacións xeraban un verdadeiro problema para os servizos municipais, xa que cando se producía algunha destas circunstancias tiña que emprenderse un sistema de contratación que podía demorar varios meses e que supuña a creación de criterios específicos para cada caso. 

 

Coa Bolsa de Emprego proporcionaranse criterios máis transparentes e obxectivos á hora de realizar esas contratacións, engadíndose ademais unha solución real ao problema de contratación que se produce no relativo á Festa do Marisco. Distínguese así entre unha Bolsa de Emprego Xeral (BEX) e unha Bolsa de Emprego específica para a Festa do Marisco (BFM), que inda que comparten os mesmos criterios de baremación, diferéncianse na súa vixencia e nos prazos de solicitude de inscrición. 

 

Na bolsa aplícanse criterios de discriminación positiva relativos a persoas con discapacidade, maiores de 45 anos, familias monoparentais, familias numerosas, persoas en risco de exclusión social, vítimas de violencia de xénero ou violencia doméstica, persoas desempregadas de longa duración, demandantes de primeiro emprego e persoas desaloxadas ou en risco de desaloxo. 

 

Dentro da BEX existente 10 categorías de traballo: peón forestal, peón condutor de obras públicas, peón de albanelería e obras públicas, peón de limpeza, varredor, fontaneiro, encargado do mercado, auxiliar de cultura, auxiliar de turismo e técnico de normalización lingüística. No relativo a BFM, pola súa vez, son 8 as categorías nas que as persoas interesadas se poden inscribir: limpador/a, montaxe eléctrica, montaxe de carpintaría, axudante de cociña, responsable de almacén, caixeiro/a, atención ao público e cociñeiro/a. 

 

A convocatoria destas Bolsas de Emprego serán publicitadas o máximo posible a partir da apertura do prazo. As persoas solicitantes deberán inscribirse presentando unha serie de documentos acreditativos e posteriormente unha comisión de baremación realizará unha valoración, outorgándolles unha puntuación segundo os criterios fixados na orde (existe unha táboa de puntuación). Como resultado, as persoas participantes formarán parte dunha lista en orde de prelación. Cando se produza unha necesidade derivada das circunstancias antes descritas, procederase a ofrecer o posto pola orde da lista da Bolsa de emprego. Unha vez aceptado o posto, a seguinte persoa da lista ocupará o primeiro lugar para cubrir a seguinte oferta existente ,e así sucesivamente. 

 

A Bolsa de Emprego terá unha vixencia de dous anos e contémplanse no seu desenvolvemento todas as circunstancias que poden producirse na súa xestión, como por exemplo que se ofrezan contratos inferiores a un mes. Neses casos, a persoa terá dereito a volver á lista na mesma orde ata completar polo menos un mes de contrato en total.