O Concello abre o prazo para a concesión provisional de bancadas e postos na praza de abastos
Fecha: 2016-07-07
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe a posta en marcha dun procedemento extraordinario para a concesión provisional de bancadas e postos na praza de abastos. Trátase dunha posibilidade contemplada no Regulamento municipal do mercado, pero que non fora posta en marcha ata o de agora. Este procedemento permite unha adxudicación nun prazo moi curto de tempo dos postos e bancadas que quedaron baleiros nas últimas convocatorias de poxa coa salvidade de que se trata dunha adxudicación “en precario” e será retirada cando se produza a adxudicación definitiva no procedemento ordinario.
Aquelas persoas interesadas poderán informarse do procedemento no “Perfil do contratante” da páxina web do Concello do Grove. O prazo remata en cinco días e a adxudicación farase á semana seguinte. A finalidade deste procedemento e garantir a máxima ocupación do mercado no período de verán, deste xeito non só se contribúe á dinamización deste espazo, senón que se poñen sobre a mesa posibilidades de ocupación laboral.