A Praza de Arriba acolle mañá a primeira sesión de contacontos da programación de verán do Grove
Fecha: 2016-07-11
Inacio Vilariño traerá mañá a partir das 20.30 horas o seu espectáculo de contacontos Burromáquina á Praza de Arriba. Trátase dunha actividade de narración oral, con acompañamento musical, no que se emprega o conto tradicional, a tradición dos contos de Gianni Rodari e os monicreques. A historia parte da domesticación dun animal coma o burro e chega ao uso e abuso das novas tecnoloxías. O fío condutor da historia será o tranvía de Marín, baseándose sobre todo na descrición humorística que fixo Castelao deste transporte. O tema da xogo para introducir cancións tradicionais, como a do "Trole Trole", que irán acompañando o narrador, Inacio Vilariño, que empregará as onomatopeas producidas polo funcionamento das máquinas ao tempo que constrúe as melodías producidas de xeito mecánico por unha caixa de música.
A narración pecha o círculo coas novas tecnoloxías e demóstranos como un mal uso destas nos pode converter en burros. O espectáculo está recomendado para cativos de todas as idades, a partir de 3 anos.