Os rapaces e rapazas do Campamento Deportivo do Concello do Grove achéganse á práctica do golf e o tiro con arco
Fecha: 2016-07-20
Por primeira vez esta disciplina é incorporada ás actividades do Campamento Deportivo de verán organizado polo Concello.
A ampla variedade de actividades que os rapaces e rapazas participantes no Campamento Deportivo do Concello teñen a oportunidade de practicar vese ampliada este ano coa incorporación do golf e o tiro con arco. Trátase de dúas novidades importantes que se engaden á práctica do fútbol, balonmán, piragüismo, remo, baloncesto e sendeirismo e que permiten que os máis pequenos do Grove poidan coñecer unha ampla variedade de disciplinas e poder valorar as que máis lle agradan.
A primeira quenda de “golfistas” ocupou na mañá de onte o Campo de Golf da Toxa mentres que a segunda fará o propio na xornada de mañá xoves. Esta actividade é posible grazas á colaboración dos responsables do Campo de Golf que organizaron unha grande acollida para os nenos e nenas. Os campistas puideron prepararse na zona de práctica e posteriormente xogar sobre o terreo.
Tamén a vindeira semana, o venres 29 e sábado 20, no pavillón do Monte da Vila, e grazas á colaboración dos Arqueiros da Canteira, os cativos practicarán tiro con arco. As actividades prolongaranse ata finais de agosto, onde os rapaces e rapaces se despedirán cunha excursión.