O grupo local Xhiva actúa no escenario do Corgo dentro dos Xoves Musicais deste verán
Fecha: 2016-08-17
A banda actuará mañá ás 21.00 horas.
Xhiva, unha banda composta por catro músicos grovenses (dous deles adoptivos desta vila) e creada no ano 2013 a partir doutras bandas xa extintas na península, actuará nos Xoves Musicais desta semana. Cun estilo que vai entre o rock experimental e o rock progresivo, a súa batería, baixo e dúas guitarras crean interesantes sons e matices musicais que os converten nunha banda de grande interese.
Todas as súas composicións son orixinais e están compostas por eles mesmos. A pesar da xuventude dos seus compoñentes, todos contan con moitos anos de experiencia en diferentes proxectos musicais. Pode escoitarse o seu son promocional nesta ligazón.
Últimas semanas
Chegando xa ás últimas semanas da programación de verán, quedan inda moitas actividades para gozar se o tempo o permite. Deste xeito o venres os contacontos volverán a ocupar a Praza de Arriba con Raquel Queizás e as súas Romarías. O sábado, a escola de baile Cantodorxo ofrecerá a súa tradicional exhibición de baile.
Xa na semana seguinte chegarán os contos de Pedro Brandariz. Non podemos esquecernos do cine e do último dos xoves musicais deste verán, que correrá a cargo de Juan Carlos Cambas e Rosa Leiro con Canto Libre.