Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

En marcha o certame de Street-Art da Festa do Marisco

Fecha: 2016-10-07

 

 

Os artistas comezaron a traballar no día de hoxe e farano durante todo este fin de semana.

 

Onte xoves comezou a Festa do Marisco 2016 mediante a elaboración dun graffiti a cargo do colectivo Vella Escola. Deste xeito ponse en marcha un pequeno certame de arte urbana que pretende dar a coñecer a Street-Art e presentala como unha alternativa artística de grande interese. Neste primeiro contacto a través da Festa do Marisco, ademais do graffiti inaugural da Festa na zona anexa á Confraría de Pescadores, estanse elaborando senllas obras de graffitis en 3D por parte de dous artistas de referencia deste ámbito.

 

Eduardo Relero e Cubo Líquido estarán ata o vindeiro domingo elaborando estas obras de arte urbana que sorprenderán o público ao tratarse de imaxes que permiten xogar coa perspectiva e que, sen dúbida, se converteran nun punto de obrigada visita no Grove.  O Concello do Grove agarda que estas iniciativas sexan unha pequena semente para posteriores actividades.

 

Vella Escola

Trátase dunha agrupación de artistas, músicos e bailaríns profesionais do ámbito da Cultura Urbana dedicados á promoción e organización de actividades, eventos e espectáculos relacionados coas disciplinas urbanas (Skate, breakdance, graffiti, beatbox, dj, rap, roller, parkour, BMX, street basket…).

 

Eduardo Relero

Eduardo Relero (Rosario, Arxentina) céntrase en crear obras para que o público interactúe con elas. As súas intervencións poden verse dende Nova York, ata Roma, pasando por México e Tokio. Dende 1996 reside en España e ademais de traballar en pintura tradicional experimenta cos formatos urbanos. Así comezou a súa relación coa anamorfosis, unha técnica empregada para agochar ou ben dirixir moi especificamente a atención sobre algo. O observador é forzado mediante unha ilusión óptica a entender a súa forma, para así poder descifrar a mensaxe.

 

Cubo líquido

Cubo Líquido (Milán, Italia) é un artista autodefinido como “ecléctico configurador de imaxes” que leva xa varios anos traballando no debuxo e pintura en todas as súas aplicacións. Deste xeito realiza tatuaxe, body painting e films animados. Tamén realiza traballos como ilustrador, en comics, decorador ou muralista. Emprega técnicas de aerógrafo, fotografía e incluso introduce os novos medios nas súas actividades. Todas estas actividades teñen sido desenvoltas para clientes como MTV, Sony, Universal Pictures, Warner Music Italy, Blue Note, Disney, Google, Youtube, Dolce & Gabbana, Unilever, Adobe, Oracle, Heineken…