O Grove, entre os once concellos do proxecto Youtubeir@s
Fecha: 2016-11-30
O concurso posto en marcha quere encher a rede de vídeos en galego.
A vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, Carme Silva, e mais a coordinadora de Youtubeir@s, Mónica Fernández, foron as encargadas de presentar onte nunha rolda de prensa que tivo lugar en Santiago de Compostela este concurso de vídeo na rede. Á presentación asistiron os representantes das tres universidades galegas, que tamén colaboran no proxecto, e dos once concellos que participan nel. Desde o Grove acudiron á presentación a concelleira de Turismo e Cultura, Emma Torres Romay, e o técnico de normalización lingüística, Arximiro Fernández Cabanelas.
Youtubeir@s é unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, A Corula, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove e ten como obxectivo fundamental incrementar o uso de galego nos contidos audiovisuais dunha das redes sociais máis empregadas no mundo, ademais de facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos.
O concurso comezará o vindeiro 1 decembro e o prazo de presentación de vídeos prolongarase ata o 28 de abril. As bases (dispoñibles na web: www.youtubeiras.gal) establecen que poden participar persoas a partir de 14 anos con vídeos en galego dunha duración inferior a 5 minutos e con licenza creative commons. Establécense dúas categorías de participación: vídeo-facermos, para videotitoriais que amosen como facer cousas, e vídeo-opinarmos, nas que se achegue unha opinión sobre calquera tema de interese. Establécese un premio de 1.000 euros para cada unha das categorías, ademais de asignar catro mencións honoríficas de 500 euros. O xurado estará composto po profesionais da comunicación.
Ademais do concurso, o proxecto Youtubeir@s tamén ofrece obradoiros formativos. No caso do Grove este desenvolverase nos vindeiros meses e permitirá que, aquelas persoas que queiran contar con coñecementos sobre a realización de vídeos poidan mellorar nas súas técnicas e contidos.

Representantes dos concellos e das universidades participantes na rolda de prensa de onte