O Concello pon en marcha as actividades de Nadal
Fecha: 2016-12-14
O Nadal é a terceira celebración do Grove con maior investimento municipal.
O Concello do Grove ten posto en marcha unha ampla programación para o período de Nadal que vai desde o 14 deste mes e ata o 7 de xaneiro do vindeiro ano. A meirande parte das actividades enmárcanse dentro da programación da Rede de Bibliotecas e combinan a dinamización da lectura e o entretemento para os máis cativos. A elas súmanse as postas en marcha polo Servizo de Normalización Lingüística que permiten gozar do Nadal en Galego. Concretamente son un Obradoiro de xogos e xoguetes en galego e un Obradoiro de Música de Nadal con Uxía e Santi Cribeiro.
Tamén se ten traballado en contar con actividades que permitan a conciliación laboral nestes días de vacacións para os máis cativos, polo que se pon á disposición dos veciños os Obradoiros de Nadal destinado a rapazada a partir de 3 anos. Ademais, moitas das actividades propostas que se desenvolven na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey teñen un formato adecuado para seren realizadas en familia.
Investimento no Nadal
O Concello do Grove ten prevista unha parte importante dos orzamentos destinados a Festas para as celebracións vencelladas ao Nadal. Deste xeito a colaboración do Concello na iluminación das rúas ascende a algo máis de 2.900 euros que costean a ilumonación da fachada da Casa do Concello e da Praza de abastos, o “paraugas” da glorieta da República Arxentina e sete arcos de luces situados nos barrios. A este custo hai que sumarlle ao redor de 600 euros en electricidade. Trátase, polo tanto, dunha colaboración de grande importancia co colectivo de empresarios do Grove que é quen organiza a iluminación das rúas da vila.
Ademais destes gastos, o Concello acomete este ano a renovación do material de iluminación das carrozas de Reis, que levaba case 10 anos sen renovarse e que supón un investimento de 2.600 euros que permitirá mellorar a calidade deste material, pois xa se atopaba en moi mal estado. A estes gastos hai que sumarlles os 300 euros que recibirá cada colectivo que queira participar cunha carroza —segundo as bases aprobadas polo Concello— e ao redor de 1.000 euros destinados aos gastos de material e combustible para o desfile da noite de Reis, estando prevista tamén a renovación dalgún elemento de vestiario. Neste punto é fundamental a colaboración dos voluntarios que cada ano deseñan e elaboran as carrozas e sen os que sería imposible levar a cabo esta celebración de tanta importancia para os máis cativos da vila.
No referido ás melloras acometidas este ano no relativo á organización das actividades de Nadal, debe subliñarse que se recortará drasticamente o gasto en caramelos. No ano 2015 (segundo a dinámica dos anos anteriores) o Concello adquiriu un total dunha tonelada de caramelos, que ascenderon a 2.700 euros, polo que se reducirá este gasto que resulta excesivo e que xera unha enorme cantidade de desperdicio nas rúas da vila. Tamén se está pensando na celebración dunha “recepción” ás súas Maxestades os Reis Magos de Oriente unha vez rematada a cabalgata nos baixos do edificio do Concello, para poderlles permitir aos nenos e nenas poderen achegarse máis a eles.
Finalmente, o orzamento das actividades de Nadal programadas rolda os 3.000 euros, que procede do orzamento de diversas concellerías: Cultura, Festas, Xuventude e Educación. Todo isto supón que, despois do Entroido (35.000 euros) e as Festas do Carme (20.000 euros) é a terceira celebración do Grove con maior orzamento municipal.