O Concello do Grove última os preparativos para 'O Entroido máis internacional do Mundo'
Fecha: 2017-02-22
Os servizos municipais xa están preparados para poñer en marcha os 10 días de festa. Contarase con patrulla nocturna e reforzo nos servizos de limpeza.
Concello do Grove ultima estes días os preparativos para unha das celebracións máis importantes do ano na vila meca. Na mañá de onte tivo lugar unha mesa de seguridade na que se coordinaron os servizos da Policía Local, Emerxencias, limpeza e montaxe. Deste xeito a Policía Local elaborou un plan de tráfico e seguridade que contempla medidas adaptadas a cada un dos eventos que se van celebrar durante estes dez días de festa, plan que se completa co operativo posto en marcha polos servizos de Emerxencia.
No relativo á seguridade tamén se xestionou o cambio de posto base da ambulancia do 061 para o Festival de Comparsas e o desfile de Entroido, de tal xeito que este servizo se atope nas proximidades do evento. Ademais do anterior, organizouse un reforzo dos servizos municipais de seguridade, polo que se contará con patrullas nocturnas durante as celebracións máis importantes.
Tamén é especialmente importante o esforzo que se realizará por parte dos servizos de limpeza e o equipo de operarios municipais. Así, dende limpeza, adaptaranse os horarios para que se poida proceder á limpeza das zonas onde se desenvolven as celebracións e os operarios municipais serán os encargados da afrontar, a partir do xoves, a complexa montaxe do pavillón municipal para adaptalo ás necesidades do Festival de Comparsas. Trasladarase material, montaranse gradas, escenario e cortinaxes para que o espazo se atope en adecuadas condicións. Tamén se traballará nas rúas trasladando os máis de 90 valos que serán precisos para preparar o desfile do Entroido.
Carpa do Entroido
Ademais de todo o anterior, xa comezou a montaxe da Carpa do Entroido na Praza do Corgo. Trátase dunha carpa a dúas augas de 10 x 15 metros semellante á empregada no ano 2016 e que permitirá o desenvolvemento de actividades, especialmente as destinadas aos máis cativos. Dentro dela o Entroido comezará o venres coa Festa de Disfraces organizada para os colexios, que contará con xogos e animación.