O Concello do Grove pon en marcha o programa de dinamización lectora ‘Para gustos píntanse contos’
Fecha: 2017-03-21
As actividades terán lugar nas dúas bibliotecas da Rede entre os meses de marzo e maio.
O Concello do Grove acaba de poñer en marcha un novo proxecto de dinamización lectora denominado “Para gustos píntanse contos”, que se terá lugar esta primavera contando cunha subvención do programa “Ler conta moito” da Xunta de Galicia. A proposta caracterízase por chegar a moi variados públicos con diversas actividades en distintos formatos. Deste xeito haberá obradoiros e contacontos cun corta máis tradicionais e outros vencellados coas novas tecnoloxías, a arte, a cociña, a maxia, as cancións, os arrolos, o teatro, sen esquecer a lingua galega.
A primeira das actividades está prevista para o vindeiro 25 de marzo ás 18.00 horas, cando terá lugar na biblioteca municipal do Grove o obradoiro “Audiocontos” a cargo de CreAppcontos e dirixido a rapazada de 7 a 10 anos. As persoas asistentes poderán crear o seu propio audioconto empregando novas tecnoloxías. Apps e tablets permitirán que os participantes creen e compartan contos facilitando o desenvolvemento dos pequenos a nivel emocional, intelectual e social. Ademais, búscase promover a creatividade, a imaxinación, o galego e a fala desde as novas tecnoloxías.
Amplo programa
As actividades continuarán o 1 de abril ás 11.30 horas, tamén na biblioteca municipal, co contacontos “O curral de Cocoricoricó” a cargo de Charo Pita e dirixido a bebés de 1 a 3 anos. Entre arrolos, sons e cancións, esta recoñecida artista contaranos as historias do país de Cocoricoricó. Xa o sábado 8 de abril a partir das 11.30 a actividades trasladarase á Axencia de Lectura de San Vicente co contacontos “A Galiña Azul e compañía”, a cargo de Cris de Caldas.
Adiantamos o resto da programación da que daremos cumprida conta en cada data:
22 de abril. 11.30 h. Contacontos teatral a cargo de TrinkeTrinke Teatro. Biblioteca Municipal.
29 de abril. 11.00 h. “Coas mans na masa” a cargo de OQO. Axencia de Lectura de San Vicente.
6 de maio. 17.30 h. Obradoiro audiovisual “A miña biblioteca mola” a catgo de Tastenda dos contos. Biblioteca municipal do Grove.
13 de maio. 11.30 h. Contacontos “Contos máxicos” de Expresión Producións. Axencia de Lectura de San Vicente.
16 de maio. 18.00 h. Contacontos ilustrado de homenaxe a Carlos Casares “Os xoguetes de Clío” a cargo de Polo Correo do Vento. Biblioteca Municipal do Grove.