O Concello do Grove aproba as subvencións para os clubs e os eventos deportivos
Fecha: 2017-03-28
As bases foron aprobadas na Xunta de Goberno Local de onte luns.
A Xunta de Goberno Local que tivo lugar na mañá de onte luns aprobou as bases das subvencións que o Concello do Grove lles concede ás entidades deportivas, así como as referidas á organización de eventos deportivos. Ambas as convocatorias entrarán en vigor coa súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.
No relativo ás subvencións dos clubs deportivos, o Concello do Grove destina 95.000, que serán distribuídos entre as entidades deportivas que cumpran os requisitos aplicando un baremo obxectivo para a súa distribución, valorándose factores como a existencia de equipos de base ou participación en competicións federadas, entre outros.
A outra liña de axudas, a destinada á organización de eventos deportivos, busca achegar fondos municipais para aqueles eventos deportivos que sexan organizados polas entidades solicitantes durante o ano 2017 e que sexan de especial relevancia para o pobo polo seu nivel competitivo, por fomentar a práctica deportiva e pola súa transcendencia desde o punto de vista económico na promoción do municipio. Para este fin establécese tamén un baremo que permite unha maior obxectividade na distribución dos 25.000 euros que o Concello destina a este fin. As axudas concedidas polo Concello nunca excederán os 5.000 euros por evento.
A solicitude de subvencións a clubs deportivos poderá presentarse no prazo dun mes desde a publicación no BOP, mentres que a relativa a eventos deportivos estará aberta ata o 30 de xuño. A información será posta á disposición das persoas interesadas a través do web do Concello do Grove.