Acción de Verán 2017 (campamentos de verán)
Fecha: 2017-04-19
A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello do Grove informa de que está aberto ata o 2 de maio o prazo para solicitar os Campamentos de Verán convocados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Poden solicitar a súa participación nas actividades ofertadas nesta convocatoria a mocidade galega residente en Galicia que non padeza ningunha enfermidade transmisible con risco de contaxio nin trastorno de conduta e/ou de comportamento que dificulte a convivencia. En canto ás idades mínima e máxima, cómpre destacar:
- As persoas nadas no ano 1999 non poderán cumprir 18 anos antes da finalización do campamento.
- As persoas nadas no ano 2008 deberán ter cumpridos 9 anos ao inicio.
Este programa terá lugar nos meses de xullo, agosto e setembro, tanto en Galicia como noutras comunidades autónomas.
As solicitudes poden ser individuais ou múltiples (no caso de 2, 3 ou 4 irmáns). Cada mozo/a só pode cubrir unha solicitude e elixirá, por orde de prioridade, un máximo de cinco quendas ou actividades.
As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: sede. xunta.gal. Opcionalmente tamén se poderán presentar en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos nos artigos 14.1 e 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro do procedemento administrativo común das administracións públicas utilizando o formulario normalizado.
Os beneficiarios do carné xove terán un desconto do 25 % e as familias numerosas do 50%.
Outras actividades do Programa Acción de Verán
- CAMPOS DE TRABALLO: actividades encamiñadas a favorecer e fomentar a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e o seu contorno, a través da colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos que se levan a cabo en todas as comunidades autónomas e en distintos países, baixo o patrocinio, control ou organización de entidades e organismos oficiais, asociacións xuvenís, culturais, humanitarias etc. Hai actividades para mozos/as de 14-30 anos.
- ACTIVIDADES PARA MOCIDADE DE 18-30 ANOS: a reserva pódese facer por teléfono, a partir do 18 de abril nos servizos de Xuventude e Voluntariado das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social de Lugo e Ourense. Un vez feita a reserva hai 48 horas fará facer efectivo o pago e pagar a cota de participación.
- CAMPAMENTOS PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE (Prazo ata o 2 de maio).
- Os participantes deberán ter recoñecida unha discapacidade cunha porcentaxe igual ou superior ao 33%.Ter unha idade comprendida entre os 11 e os 40 anos.
- Estar empadroados nalgún concello de Galicia.
- Non presentar trastornos que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da actividade.
- Ter unha capacidade mínima de comunicación e de participación nas actividades que se van desenvolver.
- Ter unha mobilidade acorde coas características da instalación que solicita.