O Concello do Grove xa conta cos planos do novo PXOM
Fecha: 2017-05-11
O equipo técnico que estaba traballando en plasmar as propostas dos veciños e veciñas e en recoller as alegacións entregou esta mañá o material técnico.
Na mañá de onte foron entregados no Concello do Grove os planos do novo PXOM. Trátase de 30 planos da zona urbana e 6 da zona rural. Todos eles foron modificados atendendo as alegacións presentadas en 2015 e recollen as propostas presentadas polos veciños e veciñas nas 16 reunións que o equipo de goberno ten celebrado por barrios no último ano e medio.
Deste xeito, os planos supoñen unha profunda corrección do PXOM 2015 xa que, desde o punto de vista técnico, este contiña numerosos erros e problemas graves, como a ausencia de camiños públicos. Como xa se informou no seu momento á veciñanza, a lexislación actual supón que baixo ningunha circunstancia se poden realizar edificacións que non teñan fronte á vía pública, polo que recoller ou non os ditos camiños resulta crucial. Tamén se fixeron melloras no relativo a recoller fondos máximos das parcelas e, por suposto, unha actualización das edificacións existentes con base no catastro que, no caso anterior, non foran recollidas. A eliminación dos SUED, SUNC e PEORN é xa unha realidade nestes novos planos, así como a desaparición de mega-rotondas, aplicando unha racionalización e dimensionamento das vías propostas.
Os novos planos chegan con certa demora sobre o plan previsto, xa que foi preciso agardar ao desenvolvemento do regulamento da nova Lei do solo da Xunta de Galicia, que condiciona totalmente o desenvolvemento do PXOM. Unha vez se contou con esta información, o equipo técnico puido adaptar todo o material cruzando a nova lei coas propostas das alegacións e, por suposto, coas propostas dos veciños e veciñas nas distintas reunións veciñais organizadas.
Plan de traballo
Con este material o equipo de goberno pode seguir co seu plan de traballo. Lembramos que quedan pendentes dúas reunións do que se pode denominar “primeira quenda” de novas propostas: a relativa a zona de Ardia (que se convocará semana próxima) e outra na zona de Rons (que inclúe a Terra de Porto, avenida de Portugal, As Senriñas, O Vento, Lordelo…).
Unha vez rematadas estas dúas, e contando xa con este novo material de calidade e co detalle máxima das propostas, iniciarase unha “segunda quenda” que volverá aos mesmos lugares nos xa que se fixeron reunións para ensinar o resultado das proposta recollidas. Esta quenda comezará, como xa o fixera a primeira, na zona de San Vicente.
Deste xeito o Goberno local mantén o ritmo de traballo sobre este documento, e mantén tamén o compromiso adquirido hai xa dous anos de facer o PXOM que queiran os veciños e veciñas do Grove, polo que anima á cidadanía a participar no proceso e acudir ás reunións que inda quedan pendentes nos vindeiros meses. Só deste xeito, co traballo e colaboración de todos e todas, vai ser posible sacar adiante un documento que resulta fundamental para O Grove.