O Concello do Grove presenta o Maio das Letras
Fecha: 2017-05-12
O Concello e varias asociacións culturais presentan unha programación ampla para celebrar as Letras Galegas deste ano.
A partir de mañá, sábado 13 de maio e ata o día 31 deste mesmo mes o Concello do Grove acollerá todo tipo de actividades culturais e lúdicas vencelladas directa e indirectamente coas Letras Galegas. Deste xeito debe destacarse o traballo da Rede de Bibliotecas do Grove, que ten organizado actividades de dinamización lectora en torno á lingua galega e á figura do homenaxeado deste ano.
Xa nas vésperas das letras a praza do Corgo acollerá o concerto do grupo Gelria. Ademais doutras actividades, o acto central do día 17 de maio celebrarase na Praza de Arriba coa Feira do Libro, a cargo de librarías locais, contacontos, música e lectura de textos de Casares posta en marcha dende o Servizo de Normalización Lingüística do Concello.
Pero desde o Concello do Grove buscouse unha variedade na oferta das actividades, polo que haberá música, conferencias, exposicións e incluso cine, cunha programación de Cinemas de Galicia totalmente vencellada coas letras galegas grazas ao filme Peregrinaxes ou á exhibición da curta Vento Ferido,que poderá verse na Sala das Cunchas o día 19.
Asociacións e locais
Pero sen dúbida resulta fundamental a colaboración das asociacións culturais do concello que, como vén sendo habitual, teñen deseñado actividades para este mes. Deste xeito Paradanda, Cantodorxo, Os Firrás, o colectivo poético Xanela Aberta, a Coral da Confraría de San Martiño e incluso a ONG local “Por unha sonrisa” fan as súas propostas concretas que foron recollidas na programación do Concello.
Tamén debe destacarse a colaboración do local El Patio, que ten coordinador a súa programación co Concello do Grove para evitar solapamentos ou coindencias, permitindo que as súas actividades tamén cumprimenten a oferta cultural do Grove. Desde o Concello anímase aos locais privados da vila a seguir esta dinámica que mellora a promoción da localidade.