O Concello do Grove celebra o fin de curso das actividades da biblioteca
Fecha: 2017-05-26
O evento comezará ás 17:30 h no Monte Central da Illa da Toxa e rematará coa entrega de diplomas aos lectores e lectoras.
O Concello do Grove clausura o venres 26 de maio a actividade extraescolar “Coñecendo e gozando a biblioteca”, cunha festa que se celebrará no Monte Central da Toxa.
Esta iniciativa de dinamización lectora que se vén celebrando na biblioteca municipal do Grove desde novembro de 2016, chega á súa fin coa “graduación” dos 45 nenos e nenas que participaron nelas. O venres recibirán o seu diploma acreditativo do bo aproveitamento do curso.
O actividade, que dará comezo ás 17.30 h, consistirá nunha xincana de contos e versará sobre os libros e personaxes que se trataron no taller de animación á lectura que este curso estivo dedicado á arte. Así mesmo, esta semana tamén rematan as actividades de animación desenvolvidas ao longo do inverno “ A hora do conto” na Axencia de Lectura de San Vicente e o “Taller de lectura para maiores” na biblioteca municipal do Grove, que contarán con novas edicións a partir do mes de novembro.