Miguel Anxo Fernández presenta a súa última novela no Grove
Fecha: 2017-05-26
Blues para Moraima será presentada nun acto que terá lugar ás 20.00 horas na Sala das Cunchas da Casa do Concello do Grove.
O premio Blanco Amor de 2017, Miguel Anxo Fernández, presentará hoxe venres na Sala das Cunchas o seu último traballo literario. A novela Blues para Moraima chega ao Grove da man da editorial Galaxia e con excelentes críticas avaladas polo feito de se ter convertido nun dos libros máis vendidos en lingua galega nas últimas semanas.
No acto, que comezará ás 20.00 horas, o escritor estará acompañado pola concelleira de Cultura, Emma Torres, pola comunicadora audiovisual do Grove e autora da imaxe de portada dalgunha das obras de Miguel Anxo Fernández, Dunia Álvarez, e polo tamén escritor Domingo Tabuyo. Ademais, o evento contará coa actuación musical de Rafa Otero e Pablo Vidal, Jazz A Due, músicos habituais do grupo A Doce Vita, que poñerán a música velada.
Blues para Moraima
A novela destaca pola súa visión sobre o exilio que está relacionada coa propia vida do autor de A Esmorga e ten merecido o recoñecemento do XXXV Premio Eduardo Blanco Amor de Novela Longa. O xurado do premio valorou a súa “axilidade narrativa, tratamento histórico e a introdución do tema do cine e a televisión como canle de desenvolvemento, así como polo seu punto de vista sobre o exilio e a vivencia artística desde a diáspora”.
Miguel Anxo Fernández
Miguel Anxo Fernández é autor de numerosas obras relativas á historia do cine galego e obras de ficción, así como ensaios e colaboracións. Recibiu numerosos premios literarios polo seu traballo de escritor, que combina coa docencia sobre cine na Universidade de Vigo. Destaca especialmente a súa saga en torno ao xenial personaxe Frank Soutelo, así como obras de referencia na literatura galega actual como O sabre do francés ou O espido de Gina.