O Concello do Grove inicia un novo procedemento de concesión de bancadas e postos da praza de abastos
Fecha: 2017-06-01
Trátase da sexta convocatoria posta en marcha nos dous últimos anos.
O Pleno do Concello do Grove aprobou a posta en marcha dun novo proceso para outorgar bancadas e postos na praza de abastos municipal. No Plan de Dinamización Comercial emprendido hai xa ano e medio polo Goberno local esta é a sexta vez que se abre un procedemento deste tipo. Dun xeito máis concreto póñense á disposición das persoas interesadas 8 bancadas e 1 posto fixo. A información estará dispoñible nos vindeiros días no “Perfil do contratante” da páxina web do Concello do Grove.
No momento actual o mercado conta cunha ocupación do 86%, pero resulta necesario avanzar para garantir unha maior ocupación e oferta comercial neste espazo, xa que isto suporía unha maior dinamización da praza. Un dos obxectivos presentados xunto cos concesionarios é a obtención do selo de Mercado Excelente que outorga a Xunta de Galicia e, para ese fin, puxéronse en marcha distintas medidas que pretenden mellorar a oferta (como os locais de emprendemento), pero tamén a imaxe do mercado.