O novo tractor do Concello do Grove mellora os recursos municipais de limpeza e servizos
Fecha: 2017-08-02
A adquisición do vehículo tractor con equipamento versátil súmase á do camión adquirido nos pasados meses.
O Concello do Grove acaba de adquirir un vehículo tractor que se caracteriza pola súa versatilidade para cubrir tarefas necesarias no Concello. O alcalde do Grove, Jose Cacabelos, xunto coa concelleira de Obras e servizos, Ángeles Domínguez, e o concelleiro de Medio Rural e San Vicente, Juan Otero, foron os encargados de presentar o vehículo esta mañá, a piques de que se poña xa en funcionamento.
Este vehículo é adecuado para a limpeza de praias, de montes e roza de cunetas. Tamén pode intervir en zonas verdes e espazos públicos, como é o caso do Monte Central. O feito de que o Concello conte cun vehículo propio destas características supón que non se dependa tanto dos que poñen á disposición dos municipios outras institucións, como é o caso da Mancomunidade do Salnés.
Esta adquisición súmase a realizada hai xa algúns meses, cando se comprou un camión de transporte que resultaba extremadamente necesario logo de que o anterior quedase inservible. A mellora do parque municipal de obras e servizos resultaba un obxectivo urxente debido a que a meirande parte dos vehículos contaban con entre 20 e 30 anos de antigüidade.