O Concello do Grove acolle un obradoiro de xabóns naturais
Fecha: 2017-11-13
Trátase dun obradoiro organizado pola Deputación de Pontevedra dentro do programa Tecendo Lazos, no que colabora o Concello.
O Concello do Grove acollerá durante o mes de decembro e o de xaneiro un obradoiro de xabóns naturais ideado coma unha actividade interxeneracional. Nesta actividade, organizada pola Deputación de Pontevedra dentro do programa Tecendo Lazos, poden participar persoas de 10 a 99 anos buscando o contacto entre as distintas xeracións e favorecendo así as relacións individuais, familiares, comunitarias e sociais entre as persoas participantes. Deste xeito, a actividade permite traballar no envellecemento activo, no caso das persoas maiores, e fomenta as habilidades sociais e a empatía no caso dos máis novos.
As datas de realización do obradoiro adaptáronse ao período de vacacións do Nadal para fomentar a participación do estudantado, polo que se desenvolverá o 22, 26, e 28 de decembro e o 2, 3 e 4 de xaneiro en horario de 11.00 a 13.20 horas na Casa da Terceira Idade. O prazo de inscrición abrirase mañá, 14 de novembro, e permanecerá aberto ata o 13 de decembro. As prazas son limitadas e terán preferencia aquelas persoas que formen parte da mesma familia e se inscriban xuntas, pertencendo a distintas xeracións (netas e netos, avoas e avós, fillas e fillos, nais e pais, etc.). Os menores de entre 10 e 17 anos que queiran acudir sós deberán achegar o consentemento de nai, pai ou titor, titora.