Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O ‘Ciclo de Cine Feito no Grove’ ofrece unha selección de filmes rodados no Grove e recuperar historias locais

Fecha: 2017-11-24

  

Este domingo comezará a primeira edición deste ciclo coa presentación do documental “As mecas do cine”, de Dunia Álvarez.

 

Dentro da programación de outono do Concello do Grove, este domingo dará comezo o primeiro "Ciclo de cine Feito no Grove”. Trátase dunha iniciativa que pretende poñer en valor o patrimonio audiovisual que, dun xeito ou doutro, se atopa vinculado coa vila do Grove. Deste xeito o domingo ás 19.30 horas terá lugar a inauguración do ciclo na que estarán presentes a autora do documental As mecas do cine, Dunia Álvarez, que realizará un percorrido pola historia das salas de cine locais e a súa importancia na difusión da cultura cinematográfica. Dunia Álvarez estará acompañada do escritor e crítico de cine Miguel Anxo Fernández, grande coñecedor da historia do cine en Galicia e impulsor da iniciativa de reivindicar o valor do Grove na historia cinematográfica.

 

Este será o comezo do ciclo de cine que contará cunha proxección diaria na Carpa Institucional ás 20.00 horas. O luns proxectarase Divinas palabras (José L. García Sánchez, 1987) protagonizada por Ana Belén e que ten na Lanzada e zonas de San Vicente a maior parte dos seus escenarios. Nesta película como na que se proxectará o martes, Pena de muerte (Jorge Grau, 1973) tomaron parte numerosos veciños e veciñas do Grove como extras. O mércores 29 será a vez para unha película de curta duración, pero cun peso histórico fundamental Miss Ledyia (José Gil y Gil), onde aparece a Illa da Toxa en todo o seu esplendor e conta ademais coa participación do mozo Castelao e marca o fito de ser o primeiro filme de ficción rodado en Galicia. O xoves 30 proxectarase Entre bateas (Jorge Coira, 2001), que conta entre os seus protagonistas con mozos do Grove. Finalmente, o venres 1 volvera ao Grove o documental O Novo Emden (Marcos Gallego, 2007), que narra a odisea vivida por varios grovenses nun modesto pesqueiro que cruzou os mares ata acabar en Miami.

 

Desde o Concello do Grove agárdase que esta iniciativa teña unha boa acollida entre a veciñanza do Grove e demais visitantes e lembra que a entrada aos filmes é gratuíta ata completar a capacidade.