O CEIP Conmeniño acolleu un obradoiro de sensibilización sobre reutilización de téxtil usado
Fecha: 2018-01-22
O taller foi impartido pola ONG Humana, que conta con puntos de recollida no Concello do Grove.
O Colexio Conmeniño acolleu a pasada semana un obradoiro de sensibilización sobre a importancia da prevención de residuos e a reutilización de téxtil usado. A actividade denomínase “Hai roupa tendida”, e nela 44 nenos e nenas de 3º e 4º de primaria que participaron activamente na proposta. A actividade consistía en confeccionar monicreques a partir dun calcetín, anacos de tea, botóns e lá; tamén aprenderon a elaborar unha bolsa a partir dunha camiseta reutilizada.
O principal obxectivo deste obradoiro é difundir a importancia da prevención de residuos e a reutilización do téxtil usado, a súa relación coa sustentabilidade global, a protección do medio ambiente e a cooperación ao desenvolvemento. Tamén persegue achegar a problemática ambiental e social, relacionada coa roupa a un público familiar, así como os beneficios de adquirir hábitos de prevención e reutilización, e fomentar a súa participación e colaboración.
Esta iniciativa forma parte do programa de sensibilización de Humana, como complemento ao labor de recollida téxtil usado que Humana realiza no Grove.