O Concello do Grove amosa a súa preocupación pola falta de rumbo de Portos de Galicia
Fecha: 2018-04-11
A presentación do Plan Estratéxico da Naútica Recreativa e Deportiva a pasada semana confirma os peores temores do Goberno do Grove.
O Concello do Grove participou a pasada semana na xornada sectorial de presentación do “Plan Estratéxico de náutica recreativa: revisión 2020-2028” convocada por Portos de Galicia na sede da EGAP en Santiago de Compostela. A presentación realizada por parte do presidente do ente autonómico e os técnicos da entidade causa unha fonda preocupación no Concello, tendo en conta a total falta de obxectivos sociais e de responsabilidade pública de Portos.
O Director de Portos de Galicia, José Ignacio Villar, foi o responsable de expoñer a revisión do Plan Estratéxico da náutica recreativa facendo especial fincapé nunha análise de resultados económicos e da “clientela” o que deixa ver o espírito recadador desta entidade, que presentou esta reunión como se dun encontro de accionistas se tratase.
Logo de achegar datos parciais sobre a ocupación para os portos deportivos da Comunidade (evitando falar da descompensación de prazas en lugares turísticos fronte outras fontes) indicouse que non existe necesidade de instalacións novas, amosando un claro descoñecemento da realidade actual e facendo ouvidos xordos ás demandas dos sector náutico —tanto recreativo como de pesca— e, por suposto, ás demandas sociais presentadas, como é o caso do Grove.
Preocupacións
As dúas preocupacións máis graves logo desta reunión céntranse no feito de que en ningún momento se abordaran cuestións relativas a investimento (a pesar de que se trataba dun Plan Estratéxico) nin a accións concretas, presentáronse tan só xeneralidades e ningunha medida en concreto agás para mellorar o funcionamento da recadación e das taxas e conseguir unha maior captación de “clientela”. Os obxectivos, baleiros e sen contido, do plan falan de eficacia, sustentabilidade, turismo e deporte, urbanismo, etc., pero non se teñen en conta as implicacións desta cuestión nas entidades locais.
Precisamente esta é a segunda preocupación do Concello do Grove: o total “ninguneo” ás entidades locais. Durante toda a xornada a única mención que se fixo aos concellos foi a relativa á necesidade de crear planificacións urbanísticas no concellos onde Portos estivese presente. É preciso e urxente que Portos entenda que o seu papel implica entidades locais e veciños e veciñas que residen nesas zonas.
Portos como entidade recadadora
Debe engadirse que os técnicos da entidade, ante as preguntas dos asistentes, indicaron que “Portos non ten interese en acumular patrimonio”, feito que resulta verdadeiramente rechamante no caso do Grove, onde se recada máis de 40.000 euros anuais por uso dos terreos e instalacións que situadas en terreos de Portos, pero con usos puramente municipais.
Esta recadación, non obstante, non se traduce en ningún tipo de investimento na localidade e, o que é máis grave, ante o lamentable estado no que se atopa a zona de Portos, é o propio Concello o que está investindo nestas melloras. A pesar diso as trabas burocráticas da entidade portuaria supoñen que se teña chegado a agardar case un ano polo permiso para poder realizar esas melloras.
Desde o Concello do Grove reclámase, unha vez máis, que Portos asuma as súas responsabilidades, atenda as necesidades reais que, como entidade pública, debe atender. É preciso que realice os investimentos precisos ou que lle permita ao Concello recuperar os terreos e infraestruturas que xa non teñen uso portuario. No relativo á náutica recreativa, Portos deberá asumir (como xa o fixera anos atrás) que O Grove precisa un novo porto pesqueiro e, unha vez solucionado isto, conseguir o porto deportivo que unha vila como esta si precisa.