O Concello do Grove acollerá unha manifestación en repulsa da sentenza do caso ‘Manada’
Fecha: 2018-05-04
O Consello Local de Igualdade, reunido os pasados días, considerou necesario convocar a cidadanía para amosar o desacordo con esta resolución.
O pasado mércores pola tarde o Consello Local de Igualdade do Grove reuniuse para analizar os últimos acontecementos no relativo á problemática da defensa dos dereitos das mulleres. Nesa reunión acordouse realizar unha manifestación en repulsa do ditame da sentenza do coñecido como caso “Manada”. Deste xeito convócase a toda a veciñanza do Grove a participar na manifestación que terá lugar o vindeiro domingo, 13 de maio ás 12.00 horas.
A manifestación sairá das portas da Casa do Concello e percorrerá as rúas Pablo Iglesias, Castelao e Paseo de Beiramar, para voltar de novo á praza do Corgo. Desde o Consello Local de Igualdade incídese na preocupación existente polo retroceso que este tipo de decisións manifesta e elixiu como lema da mobilización: “Non é xustiza se non nos protexe”.