O Concello do Grove entrega mañá os premios do Concurso de Educación Viaria de 2018
Fecha: 2018-05-09
A entrega terá lugar mañá, xoves, ás 19.30 horas na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.
O Concello do Grove concede, un ano máis, os premios do Concurso e Educación Viaria dirixido aos escolares da localidade. No acto que se celebrará mañá e no que participará o alcalde do Grove, Jose Cacabelos, a concelleira da Educación, Pilar Galiñanes, e outros membros do goberno local, entregaranse os diplomas acreditativos da participación e os correspondentes talóns dos premios.
Lembramos que este concurso premia maquetas de educación viaria, nas que se valora a orixinalidade e a creatividade nos elementos empregados na súa elaboración, a visión do conxunto, a presentación do traballo, a comprensión do tema e o interese e esforzo realizado. Estes proxectos son presentados por grupos de escolares. En segundo lugar, establécese un premio ao deseño de mascotas. Cos debuxos gañadores faranse mascotas de tea que serán empregadas nas clase de educación viaria, e servirán como mascotas dos "camiños escolares" que porán en marcha no vindeiro curso.
A boa acollida que teñen estes premios fai que o Concello estude lanzar un novo premio de educación viaria para o vindeiro curso dirixido ao segundo ciclo de educación infantil dos centros públicos do Grove.
Camiños escolares
O Concello do Grove aproveitará este acto para realizar unha breve presentación do Camiño Escolar de Valle-Inclán, un dos que queda pendente para poñer en marcha.
Precisamente hoxe o concelleiro de Urbanismo de Ribadumia, acompañado de representantes dos pais e nais de alumnos e alumnas desa localidade, acudiu á saída do Colexio Rosalía de Castro para ver a experiencia do Camiño Escolar que xa funciona nese centro.