Portos decláralle a guerra aberta ao Concello do Grove reclamando 15.000 euros para a celebración das Festas do Carme
Fecha: 2018-06-04
Os requirimentos de Portos para a celebración do evento resultan “esperpénticos”.
Unha vez máis a entidade de Portos de Galicia manifesta claramente a súa aversión polo Concello do Grove e, por extensión, pola veciñanza desta localidade. Logo de realizado a solicitude habitual de ocupación dos terreos que Portos considera da súa propiedade, tal e como se leva facendo desde hai moitos anos, este ente remitiulle un longo escrito de requirimentos de documentación e garantías que en nada se parece ao solicitado en anos anteriores.
Entre outras cousas, Portos estima que o custo de ocupación da zona nos días que se celebren as Festas dos Carme suporía 15.000 euros para as arcas municipais. A este feito engádeselle a esixencia dun depósito de garantía previo de 9.000 euros que o Concello tería que depositar en Portos (no caso de que o Concello do Grove demostre que é unha entidade pública, esta garantía podería bonificarse ou eliminarse). Ademais disto, o organismo dependente da Xunta de Galicia require que o Concello subscriba un seguro específico para a celebración do evento (o Concello xa conta con seguros para as súas actividades) cunha garantía que teña como contía mínima 750.000 euros.
Todas estas cuestións manifestan unha forma de actuar por parte de Portos de Galicia totalmente esperpéntica, partidista e interesada. A inseguridade xurídica provocada polos continuos cambios de criterio na xestión dun espazo tan fundamental como O Grove como é o que esta entidade ocupa, supón un verdadeiro problema de xestión. Do mesmo xeito, a falta de colaboración institucional, tal e como establecen as leis actuais, supón un verdadeiro problema para que o Concello poida desenvolver as súas actividades, actividades cun carácter tradicional como a propia Festa do Carme, ou de tanta importancia para todo Galicia como a Festa do Marisco. O Concello do Grove esixe a dimisión do presidente de Portos e solicítalle á Xunta de Galicia que se dote de cordura e racionalidade a esta entidade.
O Concello do Grove indica que, a pesar dos impedimentos de Portos, as Festas do Carme celebraranse como se vén facendo desde sempre, e farase no Porto do Grove.