O Concello do Grove solicita informes xurídicos e arquitectónicos sobre a situación da Torre de Escuredo
Fecha: 2018-07-11
Como froito dos traballos iniciados polo Concello nas pasadas semanas téñense realizado varios trámites ao respecto.
O Concello do Grove ten emprendido traballos de seguimento da situación do inmoble coñecido como Torre de Escuredo situado no cruzamento entre as rúas Alexandre Bóveda e Luis A. Mestre. O edificio histórico atópase en moi mal estado, pero é de propiedade privada, polo que o Concello ten iniciado unha serie de trámites administrativos para coñecer a situación súa actual.
Deste xeito, logo da aprobación en pleno o 27 de novembro de 2017 dunha moción en prol da “conservación e mantemento do ben de interese cultural a Torre de Escuredo” trasladouse unha consulta á dirección Xeral de Patrimonio, de onde se respondeu o pasado 19 de abril. Nesta indícase que a situación do inmoble é ambigua e pouco clara.
Logo desta comunicación, o Concello acaba de solicitar un informe xurídico sobre a situación actual, ademais dun informe dun arquitecto especialista así como unha taxación independente. Trátase de trámites custosos e longos no tempo, pero necesarios para poder adoptar unha solución clara ante os problemas que presenta este espazo histórico do Grove.