O Concello do Grove presenta o programa definitivo da Festa do Marisco no Consello Local de Turismo
Fecha: 2018-09-19
O Consello tamén abordou as propostas para as Centolas de Ouro deste ano.
O Consello Local de Turismo do Grove reuniuse esta mañá para abordar, entre outras cousas, o programa completo da Festa do Marisco 2018. No programa destácase a continuidade de determinadas propostas, así como a colaboración de distintas entidades e clubs deportivos para xerar unha actividade continua durante os dez días da Festa do Marisco.
Ademais dos Concertos do Marisco, xa presentados hai unhas semanas, deuse a coñecer a programación de música tradicional e folclórica, así como os distintos eventos relacionados, como exposicións, presentación de discos ou libros e, por suposto, o programa de Cociña en Vivo. A concelleira tamén informou os membros do Consello sobre os trámites administrativos e de xestión da Festa e deou conta dos produtos cos que se está a traballar, facendo fincapé no cangrexo real que, máis de 20 anos despois, volve a estar presente na Festa.
A reunión tamén serviu para poñer sobre a mesa as propostas para a concesión das Centolas de Ouro, que este ano se entregarán o venres 12 de outubro na correspondente gala que se celebrará na carpa institucional.