O obradoiro do Concello do Grove ‘Espreguiza a túa mente!’ visita o Museo do Pobo Galego
Fecha: 2018-11-16
A excursión desenvolveuse durante a mañá da mércores.
Participantes no obradoiro de estimulación cognitiva “Espreguiza a túa mente!”, que se está a impartir desde o pasado setembro por persoal da asociación Anduriña de Persoas con Discapacidade do Salnés en colaboración co Centro de Información ás Mulleres (CIM) e co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do concello meco, desprazáronse onte pola mañá ata Santiago de Compostela para se achegaren ata o Museo do Pobo Galego. Á comitiva sumouse parte do alumnado dos cursos de galego impartidos este ano polo SNL municipal.
Unha vez nas instalacións do antigo convento de San Domingos de Bonaval, percorreron nunha visita guiada as súas salas, lembrando ou descubrindo as distintas facetas que definen a cultura de noso: o mar, o campo, os oficios, o traxe, a música, a arquitectura..., coa obrigada parada para admirar a famosa e impresionante escaleira helicoidal do edificio.
Para completaren a saída, achegáronse á igrexa anexa ao museo co fin de visitaren a exposición sobre o Alba de Gloria, inaugurada o pasado día 7, e na cal puideron escoitar e ver este último discurso de Castelao de 1948 cun formato innovador e vangardista, e ir ver, xa para rematar, o Panteón dos Galegos Ilustres.