‘A meca dos Cines’ preséntase este domingo no Grove
Fecha: 2018-11-20
O libro e o documental de Dunia Álvarez sobre a historia das salas de cines do Grove presentarase nun acto na carpa institucional.
Como xa se anunciara no seu momento, o Concello do Grove ven de editar o libro escrito por Dunia Álvarez, A Meca dos Cines, que narra a historia das salas de cine da localidade. O libro parte do Proxecto de Fin de Grao da autora, quen cursou estudos de Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo. O texto acompaña un documental con testemuños inéditos sobre o tema, que xa fora presentado hai meses no Grove.
Desde entón traballouse na adaptación do texto, contando coa colaboración do crítico cinematográfico e escritor Miguel Anxo Fernández, quen foi o director do proxecto académico; a revisión do texto correu a cargo de Arximiro Fernández Cabanelas, técnico de normalización lingüística do Concello, e a portada conta coa achega do artista local, Gogue, quen creou caricaturas dos protagonistas da historia.
Este domingo ás 20.30 horas presentarase ante os veciños e veciñas da localidade este traballo, antes de que este chegue ao Ourense Film Fest, o festival de cine de Ourense, que se celebrará a finais de mes. O acto contará coa música de Doce Vita (sons de cine) e coa participación da propia autora e outros convidados. Tamén se proxectará o documental con entrada libre.