Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Grove ocupará a vicepresidencia da Asociación de Entidades Locais pola Lingua

Fecha: 2019-02-15

 

Hoxe venres, 15 de febreiro, nunha asemblea que tivo lugar ás 13.00 horas no Pazo de Raxoi de Santiago de Compostela, constituíse oficialmente a Asociación de Entidades Locais pola Lingua, unha entidade que ten como obxectivo desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma galego.

 

Un total de quince concellos de toda Galicia estiveron representados na xuntanza, a través dos seus alcaldes e alcaldesas, de concelleiros e concelleiras, e de persoal técnico dos servizos de normalización lingüística. Ademais do alcalde do Grove, Jose Cacabelos, participaron o de Santiago, Martiño Noriega, e representantes da Baña, Ames, A Coruña, Teo, Ribadeo, Ferrol, Narón, Ponteceso, Rianxo, Pontevedra, Moaña, Vilagarcía e Rois.

 

Os integrantes son concellos que xa veñen colaborando en proxectos como o Apego, o certame Youtubeir@s ou o Club de Debate. O obxectivo da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega será promover a colaboración entre as distintas institucións para lograr unha xestión máis eficaz dos proxectos colaborativos en materia de lingua.

 

Na antedita asemblea acordouse que a presidencia da Asociación recaerá en Rianxo, a vicepresidencia no Concello do Grove, Pontevedra ocupará a secretaría e Ames a tesourería. Ademais, Narón, Rois e Santiago ocuparán as tres vogalías da entidade.