O Concello do Grove pon en marcha unha ampla programación de cara ao 8 de marzo
Fecha: 2019-02-19
As actividades do Día Internacional das Mulleres comezarán o este mes de febreiro e estenderanse ata o 3 de maio.
O Concello do Grove pon en marcha a programación conmemorativa e de concienciación vinculada co Día Internacional das Mulleres. O programa comeza cun obradoiro onde a escritora Montse Fajardo presenta o seu libro Invisibles que, precisamente, é o argumento da obra de teatro que a fin de semana do 22 e 23 de febreiro se presentará na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey. Tamén se celebrarán obradoiros e exposicións sobre o xogo en igualdade.
Xa no mes de marzo, coincidindo coas celebracións do Entroido, contarase con puntos morados de información nos principais eventos desta festa. Para o día específico de celebración do Día Internacional das Mulleres, a lectura do manifesto está prevista diante da Casa do Concello ás 11.00 horas. Ao día seguinte, 9 de marzo, celebrarase un obradoiro de creatividade e movemento expresivo con Maite Campos na antiga Escola Infantil do Monte da Vila, de 10.00 a 13.00 horas.
Un dos pratos fortes da programación será a Gala dos Premios Meca, que este ano terá lugar o 10 de marzo, ás 19.00 horas na, Casa da Cultura, coa entrega dos correspondentes galardóns ademais os premios do VII Concurso de Fotografía da Muller. Tamén a xa tradicional andaina do Día da Muller terá lugar o 17 de marzo ás 11.00 horas.
Durante este mesmo mes tamén se desenvolverá un Obradoiro de vínculos amoroso, centrado en manter relacións de bo trato. Será impartido por Susana Forero na antiga Escola Infantil do Monte da Vila os días 25, 26 e 27 de marzo en horario de 16.00 a 21.00 horas. Chegado o mes de abril, a programación inclúe un encontro de pandeireteiras cos grupos que habitualmente colaboran neste tipo de actividades na Festa do Marisco e na programación de verán (Adro Vello, Paradanda, Asxupen, Cantodorxo e Cinco en Zocas). Será na rúa Castelao ás 19.00 horas.
A programación rematará no mes de maio, concretamente o día 3 ás 20.00 horas, cando se presentará a colección “Feminismo”, da Editorial Galaxia, contando coa presenza de Carmen Adán, Inma López Silva, Chis Oliveira e Amada Traba no Local Social da Terceira Idade.