O Concello do Grove organiza dous Obradoiros de Horta Ecolóxica
Fecha: 2019-04-25
Os obradoiros terán lugar entre o 2 e o 10 de maio na Horta de Adelina.
O Concello do Grove organiza para o próximo mes de maio dous obradoiros de Horta Ecolóxica que se desenvolverán na Horta de Adelina baixo o título de “Plántate en Eco”. Estes dous obradoiros organízanse en función da idade, así os días 2, 3 e 4 de maio estará dirixido á mocidade de 12 a 17 anos e terá lugar en horario de 17.30 a 19. 30 horas os días 2 e 3 e o sábado 4 de 11.00 a 13.00 horas. No segundo caso o Obradoiro terá lugar o 9 e 10 de maio e estará destinado a persoas maiores de 18 anos en horario de 17.30 a 20.30 horas.
Trátase de obradoiros de balde onde cada participante deberá levar unha maceta grande onde realizará a súa propia plantación. Ademais aprenderá a sementar, transplantar e fertilizar de xeito ecolóxico. As persoas interesadas poderán inscribirse na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), no 2º Andar do Concello do Grove.